Friday 03 de May de 2024

Os espectáculos de motor volven á feira Abanca Semana Verde con catro exhibicións e tres pilotos expertos en freestyle


Realizaranse durante a fin de semana deste certame multisectorial, o cal terá lugar do 9 ao 12 de xuño

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 9 ao 12 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA, volverá a contar con espectáculos de motor no seu programa, dado o éxito acadado entre os visitantes na pasada edición.

Así, nesta ocasión ofrecerá dous espectáculos distintos, con un pase un deles e tres o outro, os cales estarán protagonizados por tres pilotos expertos en freestyle.

O catalán Narcís Roca, piloto oficial BMW Motorrad España, será o encargado de realizar un deles sobre as 13.00 h do sábado día 11. Nel empregará tres motos da marca BMW, dúas de estrada e unha delas cun arco para facer capitóns, e un quad. Con eles realizará distintos equilibrios, invertidos, piruetas, xiros e derrapes cos que este piloto leva sorprendido a espectadores de toda España e parte de Europa en máis de 500 espectáculos.

A segunda das exhibicións levarana a cabo os piloto portugueses Jaque Stunt e Nelson Pina, os cales teñen mostrado as súas habilidades en numerosos puntos de España e Portugal. Estes realizarán acrobacias de forma conxunta e tamén individualmente con dúas motos marca Honda e Suzuki, dous quads e un coche Smart. O seu espectáculo levarase a cabo ás 13.00 horas do domingo e ás 18.00 horas do sábado e o domingo

Actividades para todos os públicos

Estes espectáculos de motor forman parte do completo programa de actividades que caracteriza á feira Abanca Semana Verde de Galicia, o cal nesta edición volverá a contar con propostas para todo tipo de públicos.